Modelo de xestión da contratación centralizada
Existen diversos modelos de xestión en función do instrumento a través do cal se realice a contratación, podendo diferenciarse os seguintes:
Xestión de acordos marco, sistemas dinámicos de adquisición, contratos baseados e contratos específicos:
-
O órgano de contratación dun acordo marco (AM) ou dun sistema dinámico de adquisición (SDA) é a Xunta de Contratación Centralizada, aínda que se desconcentraron na Dirección Xeral de Racionalización e Centralización da Contratación (DGRCC) as súas competencias, agás as relativas aos actos de adxudicación. Polo tanto, corresponde á DGRCC a formalización do AM ou SDA coas empresas adxudicatarias do AM ou coas empresas admitidas ao SDA, as modificacións que procedan, a imposición de penalidades, etc.
O AM e o SDA non implican expediente de gasto, xa que este non se concreta ata que se realiza un contrato baseado ou específico.
-
En canto aos contratos baseados e específicos, o órgano de contratación é a DGRCC, agás no caso das entidades adheridas, nas cales se aplican as normas xerais da entidade.
Con carácter xeral, corresponde ao organismo destinatario determinar as necesidades a cubrir mediante o contrato e, cando sexa preciso convocar unha segunda licitación para adxudicar o contrato, realizar todas as actuacións previas á adxudicación. Unha vez realizados os trámites preceptivos, o organismo destinatario do subministro ou servizo proporá á DGRCC a adxudicación do contrato correspondente.
Os contratos baseados e específicos implican un expediente de gasto que debe ser tramitado polo organismo destinatario do servizo ou subministro que se contrata, ao que lle corresponde a recepción e o pago da prestación contratada.
As propostas de adxudicación tramítanse a través da aplicación Conecta-Centralización e, no caso específico do AM de electricidade, desenvolveuse ademais unha aplicación denominada ELECTRA destinada a facilitar a xestión dos seus contratos baseados.
Con este modelo de xestión, os aforros redundan directamente nos orzamentos dos organismos solicitantes.
Xestión de contratos centralizados con orzamento centralizado na sección 10:
O órgano de contratación é a Xunta de Contratación Centralizada, aínda que se desconcentraron na Dirección Xeral de Racionalización e Centralización da Contratación (DGRCC) as súas competencias, agás as relativas aos actos de adxudicación. Por iso, a DGRCC é o órgano competente para a formalización do contrato, así como para as súas modificacións, imposición de penalidades, prórroga, resolución do contrato, etc.
Dende o punto de vista económico-financeiro, diferéncianse as competencias para a aprobación e o compromiso do gasto, que son da persoa titular da DGRCC, e as competencias para o recoñecemento das obrigas e das propostas de pago, que se atopan delegadas nos órganos designados por cada departamento ou organismo incluído no contrato centralizado, agás no caso do contrato centralizado de telecomunicacións, que se atopa delegado na Secretaría Xeral de Administración Dixital do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, e o contrato de avaliación ex post da eficacia das campañas de publicidade institucional no que non se delegaron estas competencias.
Dende o punto de vista da execución do contrato, os departamentos e organismos incluídos no mesmo son os competentes para dar a conformidade aos servizos ou subministracións obxecto do contrato e ás facturas, o que permite configurar unha xestión descentralizada do contrato ligada á responsabilidade da supervisión da execución do contrato por parte dos organismos destinatarios do mesmo.
Nestes contratos centralizados inclúense entidades da Seguridade Social que dispoñen dos seus propios créditos para financiar os contratos centralizados, sendo responsables, así mesmo, do seguimento da execución do contrato.
Xestión de contratos centralizados sen centralización de créditos:
No caso do contrato centralizado de servizo de axencia de viaxes non se centralizaron os créditos na sección 10, polo que cada centro xestor debe aboar os servizos con cargo ao seu propio orzamento.

