Metodoloxía para a preparación de acordos marco e contratos centralizados
O proceso de preparación dos acordos marco e contratos centralizados estrutúrase nas seguintes fases:
ANÁLISE DA DEMANDA (NECESIDADES DA ADMINISTRACIÓN)
Determinación dos servizos e subministracións de uso común por parte da Administración.
Estudo de necesidades dos ministerios e organismos, a partir da información facilitada polos mesmos, para concretar as características dos bens e servizos que se van adquirir.
Análise da información relativa aos contratos en vigor: prescricións técnicas, aspectos básicos dos pregos de cláusulas administrativas particulares, importes unitarios, etc.
No caso de contratos centralizados: recompilación de datos sobre contratos en vigor susceptibles de centralización, a fin de determinar o ámbito subxectivo, as fases e datas de incorporación dos diferentes ministerios e organismos aos contratos centralizados e os servizos que se van contratar.
ANÁLISE DA OFERTA (ESTUDO DE MERCADO)
Estudo da normativa sectorial de aplicación e reunións, no seu caso, cos ministerios ou organismos con competencias de regulamento do correspondente sector, coa finalidade de garantir que os pregos reguladores se axusten á normativa e aos criterios interpretativos dos órganos competentes.
Análise das empresas do sector: implantación territorial, tamaño, especialización, etc. coa finalidade de determinar fases, lotes, medidas de acceso a PEMES, tipos contratables, subcontratación e, en xeral, aquelas cuestións do prego relacionadas coa capacidade de licitar das empresas.
Análise de características de prezos e produtos no mercado. Estudo de custos.
Consulta ás empresas do sector, en sesión pública ou a través do portal web, en relación cos diversos aspectos do contrato ou acordo marco que se vai celebrar antes da aprobación dos pregos de condicións da contratación. Este procedemento favorece a transparencia do proceso e o acceso á información das empresas en condicións de igualdade. Así mesmo, a experiencia das consultas xa realizadas permite valorar dunha forma moi positiva as achegas das empresas, porque tanto as súas intervencións nas sesións públicas como a información achegada nos cuestionarios permitiron mellorar a calidade do proceso de licitación.
ELABORACIÓN DE DOCUMENTACIÓN BÁSICA DO EXPEDIENTE DE CONTRATACIÓN
Unha vez realizadas as actividades indicadas nos epígrafes anteriores, elabóranse os pregos de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas particulares. Esta elaboración supón nos contratos centralizados un proceso de parametrización dos servizos que fixa criterios comúns para a súa prestación —sen prexuízo de respectar aquelas necesidades específicas de cada ministerio ou organismo—. Tamén se establecen criterios homoxéneos na elaboración dos seus orzamentos, debido a que nos contratos centralizados, que se imputan á sección 31 do MINHAP, é preciso determinar o importe do contrato, as súas anualidades e o seu financiamento por parte dos participantes.
Tanto nos acordos marco como nos contratos centralizados, consultouse a opinión dos ministerios e organismos. No primeiro caso, acerca daqueles con maior peso previsto nas adquisicións de bens e servizos que se van realizar mediante o acordo marco; no segundo caso, acerca dos centros que participan do contrato.
Por último, cabe destacar que en todos os procedementos se solicita informe dos pregos á Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia.