Logotipo de Ministerio de Facenda e Administracións Públicas
Imagen de la Contratación Centralizada

Teño dúbidas

  1. Estou interesado en formar parte do Sistema de Contratación Centralizada Estatal, que debo facer?

    Se a túa empresa desenvolve a súa actividade no eido dalgún dos bens ou servizos declarados de contratación centralizada pola Orde 1049/2008 e desexa formar parte do Sistema de Contratación Centralizada Estatal, debes participar na licitación correspondente que convoque a Xunta de Contratación Centralizada. Podes atopar a convocatoria da licitación na Plataforma de Contratación do Sector Público.

  2. Unha vez celebrado un acordo marco que se atope en vigor, é posible ser incluído como adxudicatario?

    Non, non é posible. A determinación das empresas adxudicatarias realízase a través dun procedemento de licitación suxeito ás disposicións que figuran no texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público.

  3. Son unha empresa adxudicataria dun acordo marco, como podo resultar adxudicataria dun contrato baseado?

    No caso de que o acordo marco se celebrase con varios empresarios e todos os termos estivesen establecidos nel, o organismo interesado realizará xeralmente unha proposta de adxudicación do produto ou servizo desexado a un dos adxudicatarios do acordo marco en función das súas necesidades concretas

    Porén, no caso de que, para a contratación dunha subministración ou un servizo, o organismo interesado convoque unha segunda licitación, se o contrato non está suxeito á regulación harmonizada (os chamados coloquialmente “contratos NON SARA", con orzamento de licitación inferior a 135.000,00 € sen IVE), só se poderá pedir oferta a tres empresas, sempre que se xustifique no expediente.

    Se o contrato está suxeito á regulación harmonizada (os chamados coloquialmente «contratos SARA», con orzamento de licitación igual ou superior a 135.000,00 € sen IVE), é preciso solicitar oferta a todos os adxudicatarios do catálogo, no tipo ou lote que sexa obxecto de licitación.

    No caso de que o acordo marco se celebrase con varios empresarios e de que todos os termos estivesen establecidos, non será necesario celebrar unha segunda licitación e será o organismo interesado o que faga unha petición aos adxudicatarios do acordo marco.

  4. Onde se publican as adxudicacións dos acordos baseados?

    Publícanse no Portal de Transparencia e na sección Contratos baseados deste Portal. Esta información actualízase diariamente.

  5. Estou interesado en formar parte do Sistema de Contratación Centralizada Estatal. Que requisitos debería cumprir?

    Cada contratación centralizada que se licita establece os requisitos específicos esixidos nos pregos dos procedementos abertos. Para consultar os requisitos que se solicitaron para os contratos en vigor, accede á ficha de cada contrato.

  6. Estou interesado en formar parte do Sistema de Contratación Centralizada Estatal. Podería entrar formando UTE con outra empresa? Que pasaría se algunha das empresas da UTE quebra ou non pode seguir ofrecendo o servizo?

    Si, podes presentarte ás licitacións en UTE con outras empresas.

    Se algunha das empresas que conforman a UTE decide non seguir formando parte desta, o resto das empresas da UTE poderán solicitar autorización para realizar a cesión da participación no acordo marco a favor dunha nova UTE que constituirían as restantes empresas ou a favor dunha empresa se só unha delas quixera continuar.

    En todo caso, deberán seguirse os trámites requiridos para estes casos, como solicitar á Dirección Xeral, para a súa autorización previa e expresa, que o cesionario resultante teña a solvencia requirida inicialmente e que se eleve a cesión a escritura pública.

  7. Onde podería consultar o catálogo de bens e servizos de contratación centralizada?

    Na sección Catálogo deste Portal de Contratación Centralizada amósase o listado de produtos e servizos de contratación centralizada.

    Para consultar os artigos incluídos no catálogo, xunto cos seus detalles e prezos, accede á páxina http://catalogocentralizado.minhafp.es

  8. Como podería saber cales serán as futuras licitacións en materia centralizada que saian a concurso?

    Podes consultar o Plan de Contratación Anual da Dirección Xeral de Racionalización e Centralización da Contratación, onde se indican os contratos en estudo ou en fase de elaboración.

  9. Podería subscribirme a algún sistema de alertas?

    Este Portal de Contratación Centralizada ten un sistema de subscrición ás novidades do mesmo, a través de RSS.

  10. Son unha empresa adxudicataria dun acordo marco. Tería que renovar todos os anos os criterios de solvencia?

    É preciso acreditar os requisitos de solvencia económica e financeira e técnica ou profesional (ou de clasificación) para ser adxudicataria nun acordo marco na forma e no momento sinalados nos pregos reguladores. Posteriormente, poderase solicitar a actualización deses datos, así como doutros que sexa necesario en relación co acordo marco de que se trate.

  11. Son unha empresa adxudicataria dun acordo marco. Como me comunicarán as solicitudes de oferta e adxudicacións dentro do acordo marco?

    Os adxudicatarios reciben as solicitudes de oferta por correo electrónico. As adxudicacións notifícanse a través da aplicación CONECTA-CENTRALIZACIÓN, aínda que tamén se remite un aviso por correo electrónico.

  12. Son unha empresa adxudicataria dun acordo marco. Como podería actualizar os prezos de catálogo dos meus produtos?

    Nos pregos reguladores dos acordos marco en vigor, establécense determinados límites para a actualización de produtos, e particularmente establécese un límite aos incrementos de prezo. É necesario ter en conta que non se trata dun sistema de revisión de prezos, senón que é preciso que as modificacións tecnolóxicas ou doutras características técnicas do produto xustifiquen a variación de prezos e, en todo caso, respecten os límites fixados nos pregos. Por iso, a análise das actualizacións dos produtos baséase nunha nova valoración destes que ten en conta todos os criterios fixados nos pregos, tanto os de carácter técnico como os económicos, motivo polo que é preciso que as melloras técnicas compensen a subida de prezo para que a actualización sexa admitida.

  13. Son unha empresa adxudicataria dun acordo marco. Podería ofrecer mellores condicións ou mellorar o prezo dos artigos que ofertei inicialmente no acordo marco?

    Mellorar as condicións e/ou os prezos non é só unha posibilidade, é unha obriga das adxudicatarios.

    Os pregos dos acordos marco recollen as condicións que se deben cumprir para as actualizacións de características ou prezos dos produtos ou servizos adxudicados.

    Para poder actualizar os prezos ou outras características, sempre en función das cláusulas dos pregos do acordo marco, debes realizar unha solicitude de actualización de produto a través da aplicación CONECTA-CENTRALIZACIÓN.

  14. Son unha empresa adxudicataria dun acordo marco. Podo cambiar os artigos ofertados inicialmente por outros de características similares?

    Non é posible incluír novos produtos nin entregar un ben distinto do que figura adxudicado no catálogo. Con todo, as empresas adxudicatarias teñen a obrigación de solicitar a actualización dos produtos se as condicións do mercado melloran durante o período de vixencia do acordo marco, sexa por melloras tecnolóxicas ou por baixadas de prezo. Para iso, prevese a posibilidade de solicitar a actualización dos produtos adxudicados, cos requisitos que se teñan sinalado na pregunta 13, pero esta actualización non é automática senón que debe ser autorizada pola DGRCC. Con este procedemento, a intención é velar por que as condicións determinantes da adxudicación do acordo marco sexan respectadas e por que as mellorías nos bens se trasladen ao catálogo para que sexan de aplicación a todos os peticionarios.

  15. Onde podería consultar a normativa aplicable á contratación centralizada?

    Consulta a sección Normativa deste Portal de Contratación Centralizada.